–  O Vindeiro Luns pola mañá comeza o curso formativo de “Internet como ferramenta de venta: as redes sociais e a páxina web na xestión de negocio”

– O proxecto subvencionado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e presenta un amplo abanico de cursos e obradoiros relacionados co mar e o emprendemento

O Concello de Cambados e a Confraría de Pescadores veñen de presentar o Curso Formativo de 20 horas que se vai celebrar na Aula de Informática do Centro Social da Merced, de “Internet como ferramenta de venta: as redes sociais e a páxina web na xestión de negocio”  dentro do Proxecto Emprendemar ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo do Grupo de Acción Local Pesqueira Ría de Arousa, subvencionado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca cun amplo abanico de cursos e obradoiros relacionados co mar e o emprendemento.

A estratexia do proxecto vai encamiñada a promover o crecemento e desenvolvemento económico e social do territorio, apoiando a diversificación das actividades da pesca e fomentando, prioritariamente no colectivo de xoves e mulleres, o emprendemento e a capacitación. As actuacións contempladas no proxecto aspiran por tanto a favorecer a cohesión social e á mellora da calidade de vida do territorio a través do apoio da diversificación e á creación de emprego, mellorando deste xeito as posibilidades de atopar novas fontes de ingresos e de dotar de valor engadido as actividades e produtos locais. O alto valor dos recursos naturais locais, en termos paisaxísticos e de biodiversidade, constitúe unha importante fortaleza estratéxica que non se pode desaproveitar, para promover o crecemento económico e a competitividade, tal e como suxire o FEMP no seu programa operativo 2014-2020. En resposta a tal situación, o proxecto intervén en este ámbito ao establecer como primeiro obxectivo específico “Analizar e avaliar as posibilidades e recursos que ofrece o territorio local para a diversificación das actividades pesqueira e acuícolas”. Estes cursos formativos van dirixidos a ámbitos vinculados á xestión empresarial ou acceso á sociedade dixital. Organizados e dirixidos prioritariamente a mulleres e a poboación menor de 30 anos nas temáticas suxeridas polo Plan de Igualdade de Xénero no Sector Pesqueiro e Acuícola (2015-2020) e nos eidos amosados na EDLP Ría de Arousa nos seus obxectivos específicos.

Internet como ferramenta de venta: as redes sociais e a páxina web na xestión de negocio

O Curso Formativo de 20 horas co que se volve a recuperar a formación de Emprendemar despois do verán, ten como obxectivos capacitar aos alumnos na creación e xestión de perfís empresariais nas redes sociais, proporcionar instrumentos e ferramentas útiles para implementar estratexias de venta a través de internet, aprender a crear unha páxina web sinxela a partir dunha plataforma gratuíta, e dotar ao alumnado de capacidades básicas de edición, deseño e mantemento dunha páxina web.

Para a realización dos mesmos a metodoloxía deste curso será fundamentalmente práctica posto que o alumnado irá aplicando os coñecementos adquiridos ó mesmo tempo que se irán impartindo. Tendo en conta os diferentes niveis que poden presentar os alumnos/as, e coa finalidade de aproveitar ó máximo ás leccións teóricas e coñecementos impartidos, ofrecerase a posibilidade de acudir a titorías individuais co fin de resolver dúbidas e reforzar aqueles aspectos menos doados de entender.

O Contido do curso divídese en dous módulos, un de Redes sociais no que se identificaran cales son as principais redes sociais e as súas características, a creación de perfís nas redes sociais e xestión dos mesmos como medio de venta e promoción, a función do Community Manager, a publicidade nas redes sociais, o alcance e efecto multiplicador, a medición e análise dos resultados, a captación e fidelización de clientes a través das redes sociais, e o Social shopping: como vender a través das redes sociais. E un segundo módulo, Espazo web e tenda online, inclúe a creación e deseño dunha páxina web a partir de plataformas gratuítas, o aloxamento web, a autoxestión dunha páxina web, os elementos que melloran un sitio web, o posicionamento en buscadores, a importancia dun blog e a súa constante actualización, e a xestión dunha tenda online.