Clausurase o curso formativo de Marketing Dixital, a formación con Emprendemar volvera no mes de outubro. O proxecto subvencionado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e presenta un amplo abanico de cursos e obradoiros relacionados co mar e o emprendemento
O Proxecto Emprendemar ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo do Grupo de Acción Local Pesqueira Ría de Arousa, subvencionado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca cun amplo abanico de cursos e obradoiros relacionados co mar e o emprendemento, presentado polo Concello de Cambados xunto coa Cofradia de Pescadores foi nomeado como finalista dos I Premios Economía Azul na categoría de Creación de Emprego. Os premios pretenden recoñecer os mellores proxectos aprobados no ano 2016 no marco da implantación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos GALP, e serán entregados nunha gala que terá lugar o 27 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
A estratexia do proxecto Emprendemar vai encamiñada a promover o crecemento e desenvolvemento económico e social do territorio, apoiando a diversificación das actividades da pesca e fomentando, prioritariamente no colectivo de xoves e mulleres, o emprendemento e a capacitación. As actuacións contempladas no proxecto aspiran por tanto a favorecer a cohesión social e á mellora da calidade de vida do territorio a través do apoio da diversificación e á creación de emprego, mellorando deste xeito as posibilidades de atopar novas fontes de ingresos e de dotar de valor engadido as actividades e produtos locais. Polo que, como promotores deste proxecto sentímonos moi orgullosos de que Emprendemar fora incluído como finalista dun dos mellores proxectos aprobados no ano 2016 no marco da implantación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos GALP.
Remata o curso formativo de Marketing Dixital
O Concelleiro de Promoción Económica de Cambados, Xurxo Charlín, ven de realizar a clausura do Curso Formativo de “Marketing Dixital: A importancia da marca e da comunicación” no que se busca proporcionar ferramentas que permitan diferenciar a marca do produto e da empresa en xeral, aprender a crear unha marca que identifique á empresa e a súa actividade, reflexionar sobre a imaxe transmitida aos potenciais clientes, capacitar ao alumnado de coñecementos básicos para a creación dun plan de marketing propio, adquirir habilidades básicas para xestionar satisfactoriamente a difusión de contidos e o manexo das redes sociais como medio de divulgación, e analizar diferentes estratexias de marketing na xestión comercial de produtos derivados do mar así coma noutros sectores vinculados con este.
Os contidos deste curso impartíronse dun xeito dinámico e participativo, de tal forma que o alumnado poida aplicar os coñecementos adquiridos en exercicios prácticos e dinámicas de fomento da creatividade. Para un análise máis directo da realidade, utilizáronse exemplos de boas prácticas de marketing aplicadas en sectores vinculados ao ámbito marítimo pesqueiro así coma noutros que manteñen unha estreita relación co turismo mariñeiro en tódalas súas vertentes, e creáronse 7 grupos de traballo dentro dos alumnos que participaron na formación que realizaron proxectos relacionados con produtos e actividades do sector marítimo pesqueiro e que dotaron dun plan de Marketing Dixital, creando dende un proxecto de distribución de produtos gourmet, pasando por un proxecto dunha Aplicación Móbil para consultar o historial medico os mariñeiros embarcados, unha proxecto dunha empresa de deseño de xoias con cunchas mariñas, outro proxecto de carcasas solares para telefonía no mar, ata un proxecto de paté de algas con tofu, e mesmo unha empresa de carriños para mariscadoras que sexan autónomos e controlados polo telefono móbil mediante bluetooth.
A formación dentro do proxecto Emprendemar remata neste mes de setembro e toma unha pequena pausa ata o mes de outubro, cando se realizaran os tres cursos formativos restantes que quedan por impartir neste proxecto.