CONCELLO DE CAMBADOS

Situado na ría de Arousa, a máis extensa das rías galegas, e no val do Salnés que enxalzara Valle-Inclán, atópase o municipio de Cambados: un histórico enclave esculpido en granito, considerado un dos destinos turísticos máis belos, admirados e interesantes de Galicia.

Merece unha detida visita para contemplar os seus pazos e casas nobres, distribuídas ao longo das tres antigas e señoriais vilas de Fefiñáns, Cambados e San Tomé, as súas belas prazas, as rúas empedradas, a rede de museos... Un atractivo patrimonio que complementa a súa oferta turística coa ruta do viño Rías Baixas, as rutas de sendeirismo e actividades como o turismo náutico e mariñeiro, as festas populares e as numerosas ofertas gastronómicas e culturais.

Un Pouco de Historia

A súa orixe remóntanos a tempos prehistóricos, onde a invasión de pobos do centro de Europa trouxo consigo a cultura megalítica e castrexa, achados nas marxes do río Umia e nos castros da Pastora, Castrelo, Sete Pías e Monte Rei.

No s. IX Cambados sufría os ataques de viquingos e normandos debido a súa situación privilexiada no centro da comarca do Salnés, cunha costa baixa, areosa e con augas tranquilas, que reúnen unhas excelentes calidades para a navegación. Esta loita da poboación valeulle para que no ano 1170 Fernando II, Rei de León, lle concedera o título de "Moi Leal Vila" iniciándose entón un período de esplendor, que queda reflectido na multitude de pazos existentes no municipio pertencentes principalmente ao s. XVII e o s. XVIII. As dimensións, xunto cos escudos que exhiben, ademais das torres, solainas, capelas e xardíns, fan dos pazos construcións admirables. Como di o refrán, "se ten pombal, capela e ciprés, pazo é".

En Cambados existían, por aquel entón, tres fermosas vilas: Fefiñáns, Cambados, e San Tomé do Mar. Esa separación mantívose ata o s. XIX, tempo no que se uniron, dando orixe ao concello de Cambados incluíndo no seu territorio as parroquias de Corvillón ao norte, Vilariño e Oubiña ao este e Castrelo ao sur sendo a súa dimensión de 23,5 quilómetros cadrados e a súa poboación actual duns 14.000 habitantes.

Existen diversas hipóteses en relación co nome de Cambados. Algúns historiadores atribúenlle raíces celtas en Cambra-Cune, outros inclínanse pola derivación dos vocábulos Cam (lago) e Bados (casa) ou que probablemente proceda da palabra española "combado", é dicir, "curvado", porque a vila atópase en posición curva.

Cambados foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do 2001. A máxima categoría en canto á protección de conxuntos históricos e recoñecemento patrimonial na nosa comunidade autónoma. Durante todo o ano a vila recibe gran cantidade de visitantes, grazas á súa variada oferta turística e cultural, pero é no verán cando ofrece máis posibilidades de lecer coincidindo coa celebración de festexos populares como a romaría de San Bieito, a mariñeira da Virxe do Carme ou as gastronómicas do Albariño e a exaltación da Vieira.

Cambadeses Ilustres

En Cambados naceron galegos ilustres como Ramón Cabanillas, coñecido como o Poeta da Raza, pola súa poesía contra as inxustizas sociais dedicando tamén versos á pesca e a vendima; así como os grandes escultores Francisco Asorey, Narciso Pérez, Francisco Leiro e Manolo Paz. Tamén residiron na vila outros personaxes importantes como os escritores Emilia Pardo Bazán, Ramón María del Valle-Inclán ou o rexionalista Alfredo Brañas, quen escribiron algunhas das súas obras durante as súas estadías en Cambados.

Cambados e o Camiño de Santiago

Pola vila de Cambados discorre ademais un dos oito camiños de Santiago, "A Ruta marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla". Esta conmemora a chegada, por mar, do corpo do apóstolo Santiago tras o seu martirio en Xerusalén, no ano 44. O itinerario marítimo comeza na entrada da ría de Arousa e finaliza en Pontecesures e Padrón enlazando aquí co Camiño Portugués ata Santiago de Compostela.

Cambados e o Mar

O sector do mar é outro dos piares esenciais da economía cambadesa con preto de 400 embarcacións e máis de mil persoas dedicadas ás faenas da pesca e do marisqueo. A Confraría de Pescadores San Antonio é unha das máis antigas de Galicia e de España, pois a data da súa constitución sitúase arredor do ano 1914. Conta con preto de 850 socios nos diversos sectores: marisqueo a pé e a flote, artes menores, cerco, redeiras e parques de cultivo.

A Confraría presta unha serie de servizos ós usuarios do porto de Tragove: vendeduría de peixe e marisco en primeira venda, venda de carnada, suministro de xeo, nave de redeiras, pantaláns de atraque e guindastre para izado de embarcacións.

c2
c9
c15
c5