COFRADÍA DE PESCADORESS
Cambados é un pobo mariñeiro e o mar é un piar básico da súa economía. A fonda relacion dos cambadeses co mar estivo e está presente en todos os aspectos da nosa vida.
A importancia do noso sector pesqueiro queda reflectida no número de embarcacións, no número de postos de traballo e no volume de ventas da nosa lonxa.
O porto de Cambados acolle a flota de cerco máis importante e modernizada de Galiza; ten unha flota de baixura que, por número de embarcacións, postos de traballo directos e artes ás que se adica, é a de máis importancia da ría; conta cun importante sector marisqueiro organizado, tanto a flote como a pé, e unha importante acuicultura, que con un bo número de bateas de mexillón e ostra conforma un sector de vital importancia.
Os mariñeiros de Cambados caracterizáronse de sempre pola súa pericia e bo facer á hora de aproveitar os recursos naturais da ría, e supéronse dotar das artes e da flota máis axeitadas para este fin. Pódese dicir que o noso pobo acolle a case totalidade das artes empregadas na pesca de baixura en Galicia e dos seus subsectores como cerco, enmalle, nasas, bou de vara, bou, boliche, rastro da vieira e marisqueo a pé e a flote; e fomos pioneiros, no seu momento, na acuicultura co cultivo de ostra en parques, e do mexillón.
O mar dá emprego en Cambados, de forma directa, a máis de 1.000 mulleres e homes; á vez que é o xerador de actividades tanto industriais como comerciais que conforman o tecido económico primordial para o desenvolvemento socio-económico do conxunto da poboación, talleres de reparacións, redeiras, depuradoras de marisco, cetáreas, conserveiras, empresas turístico-culturais... actividades, todas elas, con vinculación directa ao sector pesqueiro-marisqueiro. O mar é un xerador de riqueza de primeiro orde, é unha das empresas máis importantes do noso pobo.
Aínda que cada pouco tempo estamos a pasar crises por distintos motivos (contaminación, escaseza de capturas, mareas vermellas...), a organización dos diferentes sectores fai posible seguir adiante con ilusión.
Horarios
Cerco.
07:30 horas.
Especies Sardiña, Xurel, Rincha, Bocarte, Sargo
Marisqueo.
16:15 horas.
Especies : Ameixa (Fina, Babosa, Rubia e Xapónica), Berberecho, "Reló", Navalla, Vieira e Volandeira
Artes menores.
18:00 horas.
Especies: Chopo, Polvo, Pescadilla, Faneca, Lura, Centolo, Nécora, Maragota, Badexo, etc
Os horarios das subhastas non varían ao longo do ano, ainda que poden varia-las especies segúndo a tempada, as vedas e os paros biolóxicos.